|
Special Olympics Galicia, coa colaboración de Fademga Feaps Galicia, está a organizar unha serie de actividades, tanto deportivas como de ocio, destinadas a que as persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, participen de maneira activa nunha celebración tan significativa para nós como a do Xacobeo, un acontecemento que non se repetirá ata dentro de 11 anos. O programa de actividades que se levarán a cabo ten como fin que todos aqueles que o desexen podan realizar o Camiño de Santiago coma uns peregrinos máis, pero tamén fomentar a convivencia e avanzar na integración das persoas con discapacidade intelectual no contorno social. Como parte deste programa de actividades, realizaranse no mes de xuño unha peregrinación a Compostela a través das diferentes rutas do Camiño, para rematar coa celebración dun Acto Relixioso na Praza da Quintana, así como unha Xornada de Convivencia que coincidirá coa última etapa do Camiño. A realización desta peregrinación a Compostela nunhas datas tan sinaladas como as do Xacobeo 2010, constituirá para os camiñantes unha nova e enriquecedora experiencia, onde ademáis terán a posibilidadede amosar a súa capacidade de esforzo e de superación ao tempo que disfrutan duns días de diversión e convivencia, afianzando as relacións entre amigos e compañeiros e creando novos vínculos persoais. |