Vigo, xoves 16 de abril de 2009 ; Special Olympics Galicia, asociación dedicada á promoción das persoas con discapacidade a través do Deporte e do Ocio, organiza un ano máis os XIV XOGOS AUTONÓMICOS DE FÚTBOL SALA sendo Vigo a cidade elixida este ano para acoller a que será a décimo cuarta edición. Special Olympics Galicia contou para a organización destes Xogos coa colaboración de Fademga Feaps Galicia e da Asociación SAN FRANCISCO (Vigo).
A décimo cuarta edición deste campionato terá lugar este sábado 18 de abril nas instalacións do Pavillón das Travesas de Vigo. Ao igual que todas as actividades deportivas organizadas por Special Olympics Galicia o campionato de Fútbol Sala conta con distintos niveis de participación para que todos os deportistas poidan participar en igualdade de condicións. Existirán tres niveis: nivel I (alto), nivel II (medio) e nivel III (básico).
O pistoletazo de saída da competición será ás 12:00 horas da mañá e, a partir das 19.00 horas, celebrarase o acto de clausura do Campionato, así como a entrega dos trofeos e das medallas aos participantes. Os XIV XOGOS AUTONÓMICOS DE FÚTBOL SALA reunirán en Vigo a un total de 510 persoas entre atletas, adestradores, voluntarios e integrantes da organización.
A celebración deste evento deportivo segue o cerimonial da celebración das Olimpíadas. Os deportistas das 23 asociacións participantes desfilarán ante os presentes. Posteriormente un deportista que tomará parte nesta xornada, e en representación do resto dos seus compañeiros, lerá o lema dos deportistas de Special Olympics “Quero gañar, máis se non o consigo, deixádeme ser valente no intento”. Unha vez finalizado o desfile procederase á inauguración oficial dos Xogos, arredor das 10.45 horas, a cargo dun representante da corporación municipal; que estará acompañado polo Presidente de Special Olympics Galicia, D. Eladio Fernández Pérez; da concelleira de Benestar Social, Dna. María Méndez, así coma representantes da Asociación SAN FRANCISCO, das Xuntas Directivas de Fademga Feaps Galicia e Special Olympics Galicia.
As asociacións de toda Galicia que participan son un total de 23 asociacións das cales un total de 3 proveñen da provincia de Ourense, 9 de Pontevedra, 5 de A Coruña e 6 de Lugo. Os atletas que participan da provincia de Pontevedra son un total 127 deportistas. A asociación anfitrioa, SAN FRANCISCO, participa con 19 atletas.