|
Sete deportistas galegos das asociacións ASPNAIS de Lugo e ASPAS de Santiago competirán nos Xogos Mundiais de Inverno en esquí alpino e esquí con raquetas
Santiago de Compostela, Martes 03 de febreiro de 2009; Special Olympics Galicia participará como integrante da expedición de Special Olympics España nos Xogos Mundiais de Inverno Idaho 2009 que terán lugar dende o 4 de febreiro ata o 15 deste mesmo mes. Os 7 deportistas galegos, pertencentes á asociación lucense de ASPNAIS e á santiaguesa ASPAS, forman parte da nutrida expedición de deportistas españois que participarán nos Xogos, procedentes de Castela e León, Cataluña, Galicia, Murcia, Madrid e Comunidade Valenciana.
Os deportistas galegos, que parten ás 20.40 horas desta tarde dende Santiago, competirán nas modalidades de esquí alpino (4 destes 7 participantes) e esquí con raquetas (3 dos participantes).
Os deportistas galegos que viaxan a Idaho son Juan Carlos Sánchez Barrero (ASPAS), Vanesa Gómez Gómez, Laura Barreira Loures, Sergio Dacal Gómez, Alejandra Belen Quinteiro Corras, María Goretti Reigosa Mouriz e Carlos Yanes Martínez (ASPNAIS).
Special Olympics, o movemento internacional líder no deporte para persoas con discapacidade intelectual, organiza neste mes de febreiro o maior evento deportivo mundial de 2009: os Xogos Mundiais de Inverno Special Olympics 2009. Estes Xogos celebrarán as capacidades e os logros das persoas con discapacidade intelectual, e formarán unha nova visión global do recoñecemento a este colectivo.
Os Xogos contan coa participación de 2.500 atletas de 100 países; 7000 voluntarios, xuíces e árbitros; miles de familias, amigos, espectadores e xornalistas de todos os continentes.
Os Xogos Mundiais de Idaho contan con 7 disciplinas deportivas, en 5 das cales competirán os deportistas españois. Special Olympics España competirá en Ski alpino, ski nórdico, raquetas, hockei interior e patinaxe artístico.
|